Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato á presidencia da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE

Non son as súas primeiras eleccións autonómicas. O seu nome aparecía xa nas listas do PSdeG-PSOE nos comicios galegos do 2005 e do 2009 e en ambos casos resultaba elixido como parlamentario. Agora, tras impoñerse nas primarias a Xosé Luis Méndez Romeu, Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) preséntase como candidato á presidencia da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE. Fronte ao proxecto do PP, “que nos deixa unha economía e un emprego que van a menos e, como consecuencia, unha sociedade que tamén demograficamente vai a menos”, defende a proposta socialista dun camiño que “debe levar a crear emprego de máis calidade, a reforzar os servizos públicos, a reducir as desigualdades e a vincular os territorios de maneira máis potente para que todos eles se beneficien dos impulsos dos outros. O noso proxecto vai dirixido ao conxunto de Galicia, pero con efectos moi importantes para a provincia de Ourense, ten efectos tamén de integración territorial porque é importantísimo non deixar a ninguén atrás”.

 

O candidato socialista á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga.

O candidato socialista á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Resalta que nos lugares da xeografía galega máis alonxados do denominado eixo atlántico, como é o caso de Valdeorras, hai oportunidades. E entre elas menciona a que supón o sector do viño, “unha fonte de riqueza, pero que necesita apoios”. Propón reforzar o emprego e apoio aos autónomos, que “necesitan axuda, sobre todo, nos primeiros momentos, que son os máis duros. Por iso queremos prolongar a súa tarifa plana seis meses máis”. Defende asemade contratar nos vindeiros catro anos a 1.500 profesionais sanitarios máis en Galicia: médicos, “enfermeiras e auxiliares de clínica, que permitan, por exemplo, que hospitais comarcais como o de Valdeorras teñan máis especialidades e máis capacidades, homoxeneizando así o tratamento de todos os pacientes con independencia de onde estean. Tamén queremos acabar coa centralización das competencias dos hospitais comarcais no de Ourense porque queremos que sexan máis fortes”.

Leiceaga nun dos momentos do mitin do PSdeG, celebrado no Malecón do Barco.

Leiceaga nun dos momentos do mitin do PSdeG, celebrado no Malecón do Barco.

Leiceaga asegura que o partido socialista é “a garantía de que o cambio é posible e de que ese cambio é estable”. Réstalle valor ás enquisas e lembra que a das últimas eleccións xerais, co “famoso sorpasso, sen embargo despois a realidade dos votos puxo a cada un no seu sitio. Pois iso é o que vai ocorrer tamén en Galicia. Temos que ser capaces de agrupar o voto progresista, o voto dos que confían nos valores da igualdade e que cren que o socialismo é unha resposta nova para os problemas de Galicia”. E confía en que o 25 de setembro o partido socialista terá un resultado que “nos permitirá articular un goberno de cambio”.

Esta é a súa primeira campaña como candidato socialista á presidencia da Xunta, ¿como a ten afrontado?
Afrontamos a campaña con ilusión, con ganas de explicarlle aos cidadáns o noso proxecto, que está centrado fundamentalmente en dúas cuestións: a creación de emprego de calidade e o reforzamento dos servizos públicos básicos. O contido principal de toda a campaña é explicar como imos facer isto.

¿Como encaixa no proxecto que o partido socialista ten para Galicia a provincia de Ourense, especialmente marcada por problemáticas como a despoboación?
A provincia de Ourense presenta dúas características. Ten unha moi intensa dependencia das pensións públicas ao contar cunha poboación avellentada e, ademais, unha dinámica económica moi pouco intensa que dificulta a fixación de xente nova aquí. Isto último pon en cuestión algúns sectores produtivos importantes como é o do viño, onde moitos colleiteiros que teñen dificultades para vender as súas uvas a un prezo razoable. Pero tamén ten oportunidades que hai que desenvolver como o turismo e o termalismo, ou o propio sector vitivinícola, que é unha fonte de emprego e de riqueza. Entón, ¿como encaixa no noso proxecto? Eu creo que o noso proxecto ten varias características que son beneficiosas para Ourense. A primeira delas é a idea de que imos facer unha forte aposta polo reforzamento dos servizos públicos o que significa unha sanidade en mellores condicións e unha educación pública máis forte. Isto a franxas de poboación de baixa renda suponlles un aporte adicional de recursos vía actuación do sector público. E logo temos unha visión integral do territorio, cremos que as provincias que non dispoñen dunha dinámica propia deben ter axudas para poder conectarse ben. De feito, eu recordaba o outro día nun encontro en Ourense que foi no goberno de Emilio Pérez Touriño cando se abriu o tramo de autopista de peaxe que conecta Ourense con Lalín e con esa idea de dar un impulso á dinámica ourensá.

Esta é a primeira campaña que Leiceaga afronta como candidato á Xunta polo PSdeG-PSOE.

Esta é a primeira campaña que Leiceaga afronta como candidato á Xunta polo PSdeG-PSOE.

Falaba do viño, na provincia de Ourense tamén está o sector da lousa e nunha das comarca máis dinámicas da provincia despois da da capital, ¿considera que os gobernos galegos lle teñen prestado a Valdeorras a atención e os investimentos que merece polo seu peso?
Non é só un problema de investimentos, que tamén, é un problema moitas veces de organización dos servizos. Por exemplo, eu aquí destacaría que o Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco, non teña autonomía suficiente e estea integrado na dirección sanitaria de Ourense, porque iso dificulta a prestación de servizos sanitarios de boa calidade. E penso que iso é algo que temos que reforzar. Esas son ideas que nós queremos poñer en marcha.

¿E as vías de comunicación de Valdeorras?
As vías de comunicación tamén. Sen embargo, aí hai unha parte que non depende só dos orzamentos da Xunta, senón tamén dos do Estado. En todo caso, claramente, esa vía da penetración dende a Meseta en Galicia, que é a comunicación natural de Valdeorras, por unha parte con esta comarca e, pola outra coa Galicia central e Ourense, pois necesitaría acometerse con decisión. Pero iso xa digo que depende basicamente do Ministerio de Fomento.

O candidato socialista pechaba coa súa intervención o mitin no Barco.

O candidato socialista pechaba coa súa intervención o mitin no Barco.

Tras semanas percorrendo Galicia, ¿que sensacións está tendo e fronte a esas sensacións que opina das enquisas?
Estamos un pouco afeitos a superar as enquisas no día das eleccións polo que sucedeu nas dúas últimas xerais, entón eu creo que agora vai ocorrer algo parecido. Eu detecto nos últimos días un avivamento do electorado socialista, que se nota nos actos aos que imos, e que incluso se percibe no contacto na rúa coa xente cando estás facendo campaña nun e outro lugar. Creo que iso é o que nos vai dar un bo resultado o día 25. Eu espero poder sorprender tamén esta vez.

En caso de darse ese bo resultado, tocaría falar de pactos xa que non habería unha maioría absoluta socialista…
Eu espero que exista unha maioría alternativa ao PP que sexa liderada polo partido socialista. Ese é o pálpito que teño.

 

Texto: A.R.

Foto: Carlos G. Hervella.