O valdeorrés Moisés Blanco Paradelo repite como número 8 na lista do Partido Popular por Ourense de cara ás eleccións do domingo 25 de setembro

Diplomado en Ciencias da Educación, especializado en Educación Musical, a traxectoria política de Moisés Blanco Paradelo (O Barco de Valdeorras, 1977) é extensa e está especialmente vencellada ao concello que o viu nacer e onde vive, e ao Partido Popular. Foi concelleiro no Barco ata o ano 2015, deputado provincial entre 2007 e 2011 e vicepresidente 2º da Deputación de Ourense entre 2009 e 2011. E xa no 2012 entrou no Parlamento de Galicia formando parte da lista do PP por Ourense como deputado, un posto que espera manter tralas eleccións do 25 de setembro xa que repite candidatura, apostando pola “estabilidade política, responsabilidade, traballo, crecemento económico e xeración de emprego que supón Feijóo” fronte “ao lío de partidos que o único que queren é botalo”.

¿Esta é a segunda vez que se presenta a unhas eleccións galegas. Segundo a súa experiencia no Parlamento de Galicia, ¿como foi a anterior lexislatura  co Partido Popular ao fronte da Xunta? ¿Cales son os obxectivos para os vindeiros catro anos?
Penso que altamente positiva para a comarca de Valdeorras porque atendéronse cuestións que levaban tempo sendo demandadas como o recoñecemento do Camiño de Inverno como unha ruta oficial. Agora hai que seguir co compromiso que ten o señor Feijóo con Valdeorras para non perder un segundo na dotación dos diferentes equipamentos e infraestruturas. Tamén se deron pasos co plan director de turismo elaborado polo Inorde a través da Deputación de Ourense para non perder tempo na vindeira lexislatura e utilizar esa ferramenta, esencial, para o pulo definitivo dende o punto de vista turístico que poña en valor os valores paisaxísticos, patrimoniais e históricos que temos en Valdeorras. Agora o que fai falta é desenvolver eses recursos e poñelos a funcionar. Outro eido destacado é o sanitario coa instalación do TAC, un investimento de preto de 500.000 euros que se aprobou e puxo nesta lexislatura, que chegou tarde, pero chegou a través de novas fórmulas de xestión, de contratación e colaboración pública e privada. Neste tempo, en contra do que moitos insisten, o Hospital Comarcal Valdeorras mellorou a súa carteira de servizos. Son demandas que se foron cumprindo e hai que poñer en valor pero non podemos conformarnos, senón que queremos apostar porque os Centros de Saúde, o hospital así como todas as infraestruturas sanitarias que temos na comarca sigan mellorando en servizo, atención e calidade, porque se algo é xusto na vida é a atención á saúde e ao benestar que ten que ser para todos os cidadáns, residan onde residan. Algo moi importante nesta lexislatura foi a consolidación e mantemento dos servizos públicos pero ademais de calidade.

¿E con respecto á súa experiencia particular?
Estou satisfeito de que se falou moito de Valdeorras en positivo, de que o Botelo conseguise o recoñecemento como Festa de Interese Turístico, unha proposta que foi levada ao Parlamento e aprobada por todos os grupos. Síntome orgulloso de poñer en valor esa cultura, tradición e riqueza gastronómica. Tamén se falou de Florencio Delgado Gurriarán, outra iniciativa interesante.

Moisés Blanco está vivindo as súas segundas eleccións ao Parlamento de Galicia.

Moisés Blanco está vivindo as súas segundas eleccións ao Parlamento de Galicia.

¿E que hai do sector industrial?
É importantísimo, en Valdeorras especialmente o relativo á lousa, da que dependen tantos postos de traballo directos e indirectos, con diferentes axudas para plans de promoción e internacionalización que houbo durante esta etapa. Agora é moi doado falar de crear emprego pero como se fai é apoiando tamén aos empresarios que son os que xeran eses postos e garantizan que se poda seguir traballando. A este respecto botei en falta no mitin de En Marea no Barco que non tivesen un compromiso específico con este sector, cando o grupo que agora forma parte dese partido pedía no Parlamento de Galicia que se incluíse ao sector da lousa e o granito no imposto de compensación medioambiental, unha taxa pola extracción de podutos metálicos de minaría que xurdíu como arma disuasoria para todos os proxectos que non presentaban o plan de restauración e rehabilitación que aquí si o fan. Tamén me parece moi importante saber cal vai ser a súa postura sobre a A-76 porque votaron en contra das diferentes iniciativas que se debateron no Parlamento como medida de presión, ademais levaban unha iniciativa pedindo que se paralizara co argumento do anterior candidato dicindo que non era necesaria, que Valdeorras tiña bastante coa N-120. Iso supón un descoñecemento total da realidade e tomadura de pelo ao non ter en conta que toda a sociedade valdeorresa está unida defendendo esa infraestrutura que é vital para esta comarca.

¿Cales son as propostas do PP para o desenvolvemento económico e social de Ourense nos vindeiros catro anos?
O primeiro que temos que facer é seguir apostando polo que máis importa aos cidadáns, que é manter o nivel de benestar, e falamos de ter emprego, axudas sociais e bos servizos públicos tanto en educación como en sanidade, e para iso hai que ter as contas saneadas. Grazas a iso o goberno de Feijóo pudo contar con maiores orzamentos, e estanse ou vanse facer obras, por exemplo, nos colexios do Barco por preto de 400.000 euros. A creación de emprego é fundamental e para iso hai que seguir poñendo a disposición dos emprendedores as ferramentas, continuando coas políticas de axudas, pulo e promoción así como con plans de internacionalización, apostando pola innovación, a industria 4.0 e a dixitalización, porque hai que axudar a que se produzan os avances tecnolóxicos e modernización necesarios no eido empresarial para poder ser cada vez máis competitivos. E con respecto ás Institucións, teñen que ser fiables, solventes e con atención ao cidadán. A ese respecto, nos vindeiros meses o 100% dos trámites poderán facerse de forma dixitalizada. Non pode ser é que o cidadán entre na Administración cun problema e saia con dous.

¿Como se está desenvolvendo a campaña en Valdeorras e no resto da provincia de Ourense
Está sendo unha campaña de proximidade, de moita rúa, reunións con diferentes colectivos, tratando de chegar ás entidades coa nosa mensaxe. Creo que a xente está diferenciando quen está facendo propostas, falar facendo como di o noso eslogan, e quen está utilizando a mínima posibilidade para insultar, descalificar e enfrontar. Creo que a xente está moi cansada diso, así non se dan solucións ás persoas. Hai que poñer todos os instrumentos necesarios para que poidan mellorar as súas condicións vitais e iso pasa por xerar postos de traballo e seguir mantendo o bo nivel dos servizos públicos.

O número 8 na lista do PP pola provincia de Ourense, no Barco de Valdeorras.

O número 8 na lista do PP pola provincia de Ourense, no Barco de Valdeorras.

Despois da cancelación polo accidente de Porriño dos mítins que estaban previstos para abrir a campaña, ¿está prevista a visita do candidato popular á Xunta Alberto Núñez Feijóo a Valdeorras?
Díxome que ía facer todo o que lle permitise a axenda para poder estar aquí e se nesta campaña non podía, unha das primeiras visitas que faría despois do 25 de setembro, se segue sendo presidente como espero que sexa, será a Valdeorras. Pero iso non merma a actividade que tivemos. Aquí estiveron membros da candidatura, o secretario do partido a nivel provincial, o conselleiro de Sanidade, a responsable da Xerencia de xestión Integrada de Ourense, Verín e Valdeorras e o conselleiro de Educación e Cultura. Ademais temos confirmada a presenza do secretario xeral do partido, o número dous, Miguel Tellado este xoves. A presenza do PP está sendo importante como en todas as campañas, unha mostra de que a Xunta e neste caso o grupo parlamentario do Partido Popular aposta decididamente por Valdeorras.

Vai de número 8, o mesmo posto que nas anteriores eleccións, ¿que lle parece a lista do PP por Ourense que encabeza Marisol Díaz Mouteira?
Conxuga perfectamente a experiencia e a renovación e tamén ten en conta a presenza das comarcas. O feito de que eu repita en postos de saída creo que tamén é importante para Valdeorras e ratifica esa aposta do PP por esta zona. O que teño que facer é estar á altura desa confianza e seguir traballando polo conxunto da provincia e dende logo estar moi atento a todos os problemas e demandas da poboación valdeorresa. Ademais trátase dunha lista que ao día seguinte xa vai estar traballando porque sabe perfectamente como funcionan as distintas institucións (moitos xa tiveron responsabilidades políticas) e coñece o Parlamento, coñece as demandas e polo tanto non ten un minuto que perder.

¿Que expectativas teñen de resultados na provincia de Ourense?
Son positivas pero non temos que confiarnos porque ata o de agora non temos ningún voto na urna, aínda que as diferentes enquisas e empresas especializadas din que o Partido Popular vai conseguir unha maioría importante. Temos 8 deputados e aspiramos a mantelos e ir a por un máis. Esa é a ambición do noso partido na provincia.

Texto: Mónica G. Bellver
Fotos: Carlos G. Hervella